Smit gañou en Lalín e Lestido segue líder

A formación galega do Rías Baixas sumou o triunfo na terceira etapa da Volta Ciclista a Galicia ao impoñerse Willem Jakobus Smit no sprint masivo da meta de Lalín. O corredor surafricano deu tempo ao pelotón onde circulaba o líder da rolda, Martin Lestido (Froiz) que desta maneira defendeu a súa posición de privilexio a falta da última xornada da serie en Santiago de Compostela.

O Concello de Lalin recibiu á Volta Ciclista a Galicia cunha etapa na que destacaban os seus sete portos de montaña: catro de terceira e tres de segunda. A ocasión parecía idónea para que os aspirantes ao triunfo puxesen a proba a fortaleza de Martín Lestido (Froiz) como líder da carreira así como a estratexia que seguiría o equipo de Evaristo Portela.

Desde os primeiros compases sucedéronse os intentos de romper a carreira. A primeira fuga de importancia chegaría no quilómetro 23 cun grupo de 17 ciclistas que tiveron unha vantaxe máxima de 1:58 sobre o pelotón. A maioría de equipos candidatos ao triunfo tiña un ou máis compoñentes na fuga a excepción do Rías Baixas que tivo que esforzarse para neutralizar unha fuga que podía deixarlles sen opcións nesta edición da rolda galega.

Con todo foi a sucesión de portos da etapa e o alto rítmo de carreira (42 km/h) a que motivou o desgaste da fuga que, tras o paso polo Alto de San Martiño, era neutralizada polo pelotón despois de 23 quilómetros.

No quilómetro 60 chegaría o ataque do campión de Galicia, Aser Estevez (Cortizo-Anova) que probaba sorte de lonxe. O guardés levou á súa roda ao chileno Elías Tello (Kuota) un consumado escalador que podía servir de apoio ao galego na parte máis dura da carreira e ao combativo Grigoriev (León) quen xa tentara a fuga na segunda etapa da Volta.

As diferenzas non chegaron aos dous minutos cun pelotón comandado polo Froiz que mantiña controladas as diferenzas para pesar do liderado virtual de carreira que cambiou en varias ocasións.

A falta de dez quilómetros a meta chego ao seu final a aventura do dúo de escapados e mesmo o líder, Martín Lestido, permitiuse o luxo de tentar sorprender aos seus rivais no tramo final de carreira.

A segunda chegada masiva da Volta a Galicia nas rúas de Lalín deparou a vitoria de Smit (Rías Baixas) e unha clasificación con Lestido (Froiz) máis líder da xeral ademais da súa condición de primeiro galego. Elias Tello (Kuota) reafirmouse como o mellor na montaña; o portugués Martingil (Liberty) segue como primeiro clasificado da xeral das metas volantes e David González (Froiz), mellor sub23.

A xornada do domingo botará o peche a esta rolda coa disputa da etapa de Santiago de Compostela con 130 quilómetros de percorrido e saída e chegada xunto á alameda da capital de Galicia.

Declaracións de Martín Lestido

“Foi unha etapa durísima. A priori a segunda era máis dura sobre o perfil pero esta de Lalin foi peor. Ademais foi unha carreira moi tola e difícil de controlar. O equipo estivo incrible e salvamos o liderado”.

No tramo final de carreira e tras neutralizar a fuga de Aser Estevez e Grigoriev “tratei de irme, facendo dun ataque a mellor defensa para tomar as rendas e ir por diante para evitar sorpresas”.

Lestido recoñeceu que “ata cruzar a meta de Santiago aínda hai moito que pelexar. Sen ningún porto que defina a carreira haberá que defenderse ata o final”.

Grabación do directo

Maillots

Lider Metas Voantes Cesar Martingil – Liberty Seguros Lider Metas Voantes
Concello de Monforte
Primer Galego Clasificado Martín Lestido – Supermercados Froiz Primer Galego Clasificado
Anova
Lider Xeral Martín Lestido – Supermercados Froiz Lider da clasificación Xeral
Xunta de Galicia
Lider da Montaña Elias Tello – Kuota Construcciones Paulino Lider da Montaña
Telefurgo
Líder Sub-23 David González – Supermercados Froiz Líder Sub-23
B the travel brand